Tradución

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pedra de Rosetta.

A tradución (do latín traducere: facer pasar dun lugar a outro) é unha actividade que comprende a interpretación do significado dun texto nun idioma, o texto orixe, a un texto equivalente noutro idioma, o texto meta. Tamén o produto desta actividade, o texto meta, denomínase tradución.

Tradicionalmente, a tradución foi unha actividade desenvolvida por humanos. Porén, hai numerosos intentos de automatizar a tarefa de traducir textos naturais (tradución automática) ou de utilizar ordenadores para apoiar esta tarefa (tradución asistida por ordenador). Un exemplo de tradución asistida sería o uso dunha memoria de tradución.

O obxectivo da tradución é crear unha relación entre o texto orixe e o texto meta, é dicir, que ambos textos comuniquen unha mensaxe equivalente. Cómpre, xa que logo, ter en conta aspectos coma o xénero textual, o contexto, as regras gramáticais de cada idioma, as convencións estilísticas ou a fraseoloxía, entre outros.

É importante diferenciar a tradución da interpretación. No primeiro caso, a mensaxe transmítese por escrito, mentres que na interpretación, a mensaxe exprésase de xeito oral ou mediante xesticulación, como acontece na lingua de signos.

O proceso tradutolóxico[editar | editar a fonte]

Na súa obra, Teoría y práctica de la traducción, Valentín García Yebra recoñece dúas fases no proceso tradutolóxico: "a fase da comprensión do texto orixinal, e a fase da expresión da súa mensaxe, do seu contido, na lingua receptora ou terminal".

Na etapa de comprensión, decodifícase o sentido do texto orixe, nunha actividade denominada semasiolóxica (do grego, sema, sentido ou significado). Na etapa de expresión, recodifícase este sentido na lingua meta; etapa tamén chamada onomasiolóxica (do grego, onoma, nome).

Na etapa de decodificación do sentido do texto, cómpre identificar en primeiro lugar os segmentos que compoñen o texto orixinal, é dicir, as unidades mínimas con sentido. O segmento pode ser unha palabra, unha frase, unha ou máis oracións ou mesmo un texto completo.

Na etapa de recodificación na lingua meta, débese manter o sentido do segmento orixinal nun segmento da lingua meta, respectando o xenio da mesma. A reunión do segmento orixe co segmento meta é o que se denomina unidade de tradución.

Ambas etapas son de índole recursiva e non necesariamente sucesivas. É dicir, pódese volver desentrañar o sentido do texto orixe unha vez recodificado o sentido na lingua meta.

Após este procedemento, sinxelo a primeira vista, agóchase unha operación cognitiva complexa. Para decodificar o sentido completo do texto orixe, cómpre interpretar e analizar todas as súas características de forma consciente e metódica. Este proceso require un coñecemento profundo da gramática, semántica, sintaxe e fraseoloxía da lingua orixe, así como dos elementos culturais. É esencial contar con estes coñecementos para recodificar o sentido na lingua meta. De feito, estes adoitan ser máis importantes e, polo tanto, máis fondos cós da lingua orixe. Por ese motivo, a práctica máis habitual é traducir á lingua materna. Ademais, é esencial coñecer a área que se está tratando.

Os estudos realizados nos últimos anos en lingüística cognitiva permitiron comprender mellor o proceso cognitivo da tradución.

Historia da tradución[editar | editar a fonte]

As primeiras traducións foron da Biblia, xa que como os xudeus levaban moito tempo sen fala-la súa lingua (o hebreo), esta perdeuse e as Santas Escrituras debéronse traducir para que as entendesen os xudeus que non falaban a súa lingua orixinal. Tolomeo Filadelfo no século III a.C. mandou traducir do hebreo ó grego as Sagradas Escrituras a 72 sabios que dominaban o hebreo e o grego. Esta versión coñécese como versión Alejandrina ou versión dos 70. No século II D.C. a Biblia traduciuse do grego ó latín (Antigo e Novo Testamento). A esta versión chamóuselle Vetus Latina.

Estratexias de tradución[editar | editar a fonte]

A traducibilidade, un dos primeiros problemas da tradución, é a posibilidade de traducir con éxito un enunciado nun idioma a un equivalente noutro idioma. Isto non sempre é posíbel, polo que existen varias estratexias de tradución.

Adaptación[editar | editar a fonte]

A adaptación ou tradución libre consiste en substituír unha realidade cultural ou social no texto orixinal por unha realidade equivalente no texto meta. Esta nova realidade resulta máis común para a audiencia do texto meta. Resulta acotío de utilidade, por exemplo, na tradución de poesía, teatro ou publicidade.

Préstamo[editar | editar a fonte]

O préstamo consiste en utilizar unha palabra ou expresión do texto orixinal no texto meta. Adóitase escribir en cursiva.

Calco[editar | editar a fonte]

O decalco léxico é a creación de neoloxismos seguindo a estrutura da lingua de orixe, como fútbol, da palabra inglesa football.

Modulación[editar | editar a fonte]

Consiste en traducir unha palabra por unha frase explicativa ou unha descrición desta. É común nalgúns casos nos que hai diferenzas culturais.

Equivalencia[editar | editar a fonte]

É a correspondencia en significado dunha palabra nun idioma fronte a outro. Dúas palabras son equivalentes se teñen o mesmo significado.

Tradución literal[editar | editar a fonte]

Refírese ao paso da lingua de orixe á lingua meta sen emprego de estratexias de tradución máis cá conversión dos termos, sempre que o resultado sexa correcto en termos gramaticais. É unha tradución palabra por palabra:

Mon Dieu pardonnez-moi cette méprisable prière,
mais je ne puis écarter son nom de mes lèvres, nin oublier a peite de mon coeur
Deus meu, perdóame esta desprezable oración,
pero non podo apartar o seu nome dos meus beizos, nin esquece-la pena do meu corazón

Segundo Vinay e Dalbernet, a tradución literal é lícita sobre todo entre linguas que comparten unha mesma cultura.

Principais asociacións de tradución e interpretación de Galicia[editar | editar a fonte]

  • ATG, Asociación de Tradutores Galegos, fundada en 1985. Realiza o seu labor fundamentalmente no ámbito literario. É responsable de BIVIR, un proxecto de biblioteca virtual. A ATG e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo publican conxuntamente Viceversa dende 1995, unha revista académica centrada na tradución desde a perspectiva galega.
  • AGPTI, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, fundada en 2001.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bassnett, Susan (1990). Translation studies. London & New York: Routledge. ISBN 0-415-06528-3. 
  • Berman, Antoine, Pour une critique des traductions: John Donne. París: Gallimard, 1995. Translated into English by Françoise Massardier-Kenney as Toward a Translation Criticism: John Donne. Kent, OH: Kent State University Press, 2009.
  • Billiani, Francesca, Ethics. In: Routledge Encyclopedia of Translation Studies. Nova York e Londres: Routledge, 2001.
  • Cohen, J.M., "Translation", Encyclopedia Americana, 1986, vol. 27, pp. 12–15.
  • Darwish, Ali, "Towards a Theory of Constraints in Translation," 1999. (@turjuman Online)
  • Gouadec, Daniel, Translation as a Profession, Amsterdam, John Benjamins, 2007, ISBN 978-90-272-1681-6.
  • Kelly, L.G. (1979). The True Interpreter: a History of Translation Theory and Practice in the West. New York, St. Martin's Press. ISBN 0-312-82057-7. 
  • Miłosz, Czesław, The History of Polish Literature, 2nd ed., Berkeley, University of California Press, 1983, ISBN 0-520-04477-0.
  • Najder, Zdzisław, Joseph Conrad: A Life, translated by Halina Najder, Rochester, Nova York, Camden House, 2007, ISBN 1-57113-347-X.
  • Parks, Tim, Translating Style: A Literary Approach to Translation—A Translation Approach to Literature, Manchester, St. Jerome, 2007, ISBN 1-905763-04-2.
  • Rose, Marilyn Gaddis, guest editor, Translation: Agent of Communication (a special issue of Pacific Moana Quarterly, 5:1), 1980.
  • Routledge Encyclopedia of Translation Studies (2008), ed. Mona Baker, Gabriela Saldanha, Routledge ISBN 978-0-415-36930-5
  • Simms, Norman, editor (1983). Nimrod's Sin: Treason and Translation in a Multilingual World. 
  • Venuti, Lawrence (1994). The Translator's Invisibility. Routledge. ISBN 0-415-11538-8. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]